Sinerxías inicia o 17 de decembro unha xeira de Xornadas Técnicas para abordar as novidades normativas no transporte en 2022: a lei de cadea de transporte, a cláusula do gasóleo e mais a nova norma da carga e a descarga
Sinerxías inicia o sábado 17 de decembro no Porriño unha xeira de Xornadas Técnicas dirixidas a transportistas para abordar no plano práctico os efectos das novas normas sectoriais aprobadas en 2022 para o sector do transporte de mercadorías por estrada, fundamentalmente no que atinxe aos seguintes tres bloques temáticos:
- A coñecida nova Lei de Cadea de Transporte, que entre outras novidades inclúe a obrigatoriedade de formalizar os contratos de transporte por escrito, como pode o transportista redactalos para os seus clientes ou subcontratados, a consignación do prezo na carta de porte ou a prohibición de traballar por debaixo dos custos de explotación.
- A obrigatoriedade de aplicación nos contratos de transporte continuado da cláusula de revisión do prezo do transporte en función da variación do prezo do carburante, como mostrar dita cláusula na factura e cal debe ser o prezo de referencia para o cálculo dese indexación do gasóleo.
- A nova normativa en materia de carga e descarga da mercadoría, reparando nos supostos en que o condutor si pode realizar estas tarefas, como se deben mostrar en factura, e distinguir carga/descarga de estiba/desestiba.
A xornada terá un componente eminentemente práctico, con exemplos reais, aberta ao debate e ao esclarecemento das dúbidas dos asistentes.
Por tanto, o sábado 17 ás 17:00 celebrarase nas instalacións de SINERXÍAS no Polígono da Granxa do Porriño a primeira destas Xornadas Técnicas para Transportistas, que logo terán continuidade en xaneiro en Ourense e Santiago de Compostela. Estas xornadas son totalmente gratuítas, previa inscrición por razóns de organización, e están abertas a todos os transportistas que desexen asistir.
A inscrición previa deberá formalizarse a través dos teléfonos 986 169 268 e 688 835 548.