- A nova Lei de “Cadea de Transporte” aprobada en agosto incluía entre os seus obxectivos a xeralización da contratación por escrito no transporte de mercadorías, obrigando a emitir unha carta de porte por cada envío, na que entre outras mencións obrigatorias, debe figurar o prezo do transporte.
- Ante as dúbidas a respecto dos órganos de inspección que deberán velar polo cumprimento desta nova norma, o Ministerio de Transportes vén de escarecer á Agrupación de Tráfico da Garda Civil que en estrada só se poderá controlar o documento de control que acompaña ás mercadorías, deixando á Inspección de Transporte o control posterior da carta de porte.
O pasado mes de agosto publicouse o Real Decreto-Lei 14/2022 de medidas de apoio ao transporte, que entre outras cuestións, incluiu como novidade a xeralización da contratación por escrito no sector do transporte de mercadorías por estrada, en todos os servizos de importe superior a 150 €, excepto no caso dalgunhas especialidades de transporte que polas súas características non facían aconsellable a súa aplicación (transporte de paquetería, mudanzas, auxilio en estrada e transportes con vehículos de masa máxima inferior a 2 Tn).
Con esta nova Lei procurábase corrixir a práctica habitual do sector de contratar, na maior parte dos casos, os servizos de transporte de forma verbal, sobre todo os autónomos e as pequenas empresas transportistas. Así, a nova norma estableceu a obrigatoriedade de formalizar por escrito todos os contratos de transporte nos que interveña o transportista efectivo, xa sexan simplemente os contratos suscritos para un único envío cun cliente esporádico, para o cal se deberá formalizar a carta de porte, como tamén no caso dos contratos de transporte continuados, que deberán formalizarse tamén por escrito, e logo elaborar unha carta de porte por cada envío realizado ao amparo do contrato principal por uns servizos continuados de transporte.
Así mesmo, este novo Real Decreto-Lei 14/2022 estableceu que a carta de porte deberá incluír como mención obrigatoria o prezo do transporte, entendéndose como tal o importe acordado pola realización do servizo de transporte e mais o importe dos outros gastos relacionados co transporte (operacións de carga e descarga). Non obstante, matízase que non sería necesario que figure o prezo na carta de porte se xa consta noutro documento contractual (podería valer incluso un correo electrónico aceptado).
Esta nova normativa sobre a carta de porte tamén matizaba que:
- Debe ir a bordo do vehículo, pero a súa ausenza non é sancionable.
- A responsabilidade de emitila é do cargador e mais do transportista.
- En canto ás infraccións, a non formalización da carta de porte cualifícase como sanción grave (1.000 €), e a non inclusión do prezo ou outras mencións obrigatorias, tamén sanción grave (800 € e 600 €, respectivamente).
Por último, é conveniente reparar que a carta de porte será válida como documento de control se inclúe todas as mencións que son obrigatorias no documento de control, isto é, ademais dos datos que xa son obrigatorios da carta de porte, a matrícula do vehículo que realiza o transporte ou as matrículas no caso de tratarse dun conxunto de vehículos.
Logo de detectarse nestas primeiras semanas de vixencia da norma a imposición de determinados boletíns de denuncia por parte dalgúns axentes de Tráfico en relación á nova Lei, o Ministerio de Transporte vén de remitir unha Instrución á Agrupación de Tráfico da Garda Civil, para esclarecer que tipo de documentación pode ser esixida nunha inspección en estrada. Textualmente, esta Instrución deixa fóra de dúbida que: “En estrada só hai que controlar os documentos administrativos regulados pola normativa de transportes, que no transporte nacional de mercadorías sería o documento de control regulado na Orde FOM/2861/2012 e no transporte internacional de mercadorías o CMR”.
En consecuencia non pode sancionarse polos axentes de tráfico cuestións tales como a carencia da carta de porte, a falta de consignación nela do prezo do transporte, así como non reflexar as horas de recepción e entrega da mercadoría, xa que o control destes requisitos competen en exclusiva aos servizos de Inspección de Transporte tanto do Estado como das Comunidades Autónomas nas inspeccións que fagan ás empresas.