Ábrese a convocatoria de 2022 das axudas da Consellería de Emprego e Igualdade para apoiar os investimentos de autónomos, pemes e cooperativas que iniciaron a actividade a partir de 2020

Xempre Xunta de Galicia

A partir de mañá martes 4 de outubro ás 13:00h. ábrese o prazo para que os autónomos, pemes e cooperativas que iniciaron a súa actividade a partir de 2020 e durante o presente ano 2022 (ata a data de presentación da solicitude da axuda) realicen investimentos en equipamento e/ou programas informáticos, maquinarias, bens de equipamento, reformas de local/nave, mobiliario, ou investimentos en eficiencia enerxética. Non son subvencionables os investimentos en elementos de transporte.

Pódese descargar a Orde coa convocatoria das axudas no DOG publicado o 30 de setembro de 2022.

Serán subvencionables todos investimentos que correspondan de xeito indubidable ao proxecto empresarial iniciado despois de 1 de xaneiro de 2020, nas seguintes materias:

  1. Equipamento informático (excepto teléfonos móbiles e smartphones).
  2. Adquisición da propiedade ou do dereito ao uso de programas informáticos, incluída a subscrición a software estándar do mercado durante o período subvencionable.
  3. Gastos de creación e desenvolvemento de programas informáticos á medida e páxinas web, sempre que a súa utilización estea prevista durante varios exercicios, e as patentes, as licenzas e os coñecementos técnicos ou outros dereitos de propiedade intelectual.
  4. Investimentos en eficiencias enerxéticas: compra de produtos e instalacións que reduzan o consumo enerxético.
  5. Adquisición de maquinaria, bens de equipamento e mobiliario.
  6. Reforma e habilitación das instalacións do local de negocio: obras que consisten normalmente en reparacións, decoracións ou ornatos (incluída a rotulación) que non modifican a estrutura construtiva do local.
  7. A adquisición de activos pertencentes a un establecemento ou de bens de equipamento de segunda man cumprindo unha serie de requisitos.

Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade pola persoa beneficiaria, admitíndose expresamente, a estes efectos, as reformas de instalacións en inmobles alugados.

Os investimentos terán que estar realizados e pagados dentro do prazo de execución, que abrangue desde o 1 de xaneiro de 2022 ata a data da presentación da solicitude.

A intensidade das axudas terá as seguintes porcentaxes en función do investimento total realizado:

  • Con investimentos de 5.000 € a 10.000 €: 60%
  • Con investimentos de 10.001 € a 30.000 €: 50%
  • Con investimentos de 30.001 € a 50.000 €: 40 %
  • Con investimentos de 50.001 € a 100.000 €: 30 %.