O Goberno publica un Real Decreto-Lei de medidas urxentes para mitigar os efectos da escalada descontrolada dos prezos do carburante, que nos seus contidos, agás cuestións moi puntuais, esquece atender como por lóxica correspondería, ao sector máis afectado, que non é outro que o transporte por estrada.
Malia a solicitude das organizacións de transportistas de aprobar con carácter urxente novas medidas económicas ante a fulgurante escalada nos prezos do carburante, que atinxe valores récord na historia, o novo Real Decreto-Lei de medidas anticrise aprobado polo Goberno e publicado onte domingo día 27 no BOE, non inclúe ningunha axuda económica específica para o sector do transporte por estrada, pero comprometéndose a aprobar un plan de medidas específico para para os transportistas nun prazo máximo de 2 semanas.
O Decreto-Lei prorroga o posible aprazamento das cotas da Seguridade Social, e inclúe un incremento do índice de variación do prezo do gasóleo nas tarifas de transporte nos contratos continuados, así como que os transportistas que contraten servizos de transporte diariamente poidan reflexar de xeito separado na factura a repercusión do prezo do gasóleo.
En efecto, no que atinxe ao sector do transporte por estrada, a única medida económica que inclúe o Real Decreto-Lei do Goberno é a posibilidade, do mesmo xeito que o Decreto aprobado en marzo, de solicitar o aprazamento do pagamento ata 4 meses das cotas da Seguridade Social, en concreto as dos meses de agosto a outubro de 2022, no caso de empresas, e entre os meses de setembro a novembro de 2022, no caso de transportistas autónomos, a condición de que o solicitante estea o corrente de pagamento da Seguridade Social e sen outro aprazamento en vigor, debendo solicitarse nos 10 primeiros días naturais de cada prazo regulamentario de ingreso, o que xerará un xuro do 0,5% da cantidade aprazada.
Por outra banda, o Decreto-Lei recolle outra das medidas normativas que si solicitaron as asociacións de transportistas, en concreto a referida á actualización da cláusula de revisión das tarifas do transporte ao peso real que representa o gasóleo na actualidade. Así, recóllese que, ata o próximo mes de decembro, no caso dos contratos de transportes continuados ao actualizar as tarifas de transporte que os transportistas perciben dos seus clientes
en función das variacións do prezo do gasóleo, aplicarase un 40% da porcentaxe de suba do gasóleo para os camións de maior tamaño (de máis de 20 toneladas de MMA), un 30% para os camións medianos (entre 3,5 e 20 toneladas), así como para os camións de obras e un 20% para os camións de ata 3,5 toneladas.
E como novidade nos contratos que realicen os transportistas para viaxes diarios ou ocasionais, establécese que, ata 31 de decembro de 2022, reflexen de xeito separado o custo do combustible necesario para a realización do transporte. Para determinar o custo do combustible neste tipo de contratos, tomarase como referencia o prezo medio do gasóleo de automoción en España que se recolle semanalmente no Boletín Petroleiro da Unión Europea.