O servizo das ITV de Galicia volve á normalidade logo de desconvocarse a folga prevista para hoxe do persoal da empresa concesionaria, que este sábado refrendou en votación o preacordo ofrecido pola empresa.
- Este sábado día 14 o cadro de persoal de Supervisión y Control votou en asemblea a prol do preacordo proposto pola empresa concesionaria, poñéndose fin á convocatoria de folga prevista para hoxe luns día 16.
- O servizo de cita previa de ITV semella volver á normalidade, ofrecéndose citas para hoxe mesmo.
O persoal traballador dos centros de Inspección Técnica de Vehículos da empresa concesionaria do servizo en Galica, Supervisión y Control S.A., decidiu aceptar o preacordo coa patronal e desconvocar a folga indefinida convocada. Así, este sábado día 14 celebráronse asembleas nas catro provincias galegas e os traballadores e traballadoras votaron dito preacordo, que resultou refrendado con 241 votos a prol fronte a 155 en contra.
Por tanto, este sábado día 14 o 60% do persoal respaldou finalmente o preacordo, que xa o pasado mércores día 11 fora discutido polos representantes da empresa e sindicatos dos traballadores, dándose ambos uns días para analizar ben o contido da proposta e ser sometido logo a consideración. Se ben un 60% pode ser considerada unha maioría cualificada, hai que salientar o resultado foi ben distinto por provincias, ata tal punto que só gañou o voto favorable ao acordo na provincia da Coruña.
O acordo refrendado supón unha suba salarial do IPC real máis o 2% para cada unha das anualidades de 2024 a 2027, la aproximación dos soldos e as condicións laborais do persoal das naves con de oficinas e traballar 6 sábados menos.
O servizo de “cita previa” operativo na web da empresa concesionaria do servizo de ITV en Galicia semella volver á normalidade, de xeito que hoxe pódense sacar citas para esta mesma semana, a diferenza do panorama que estabamos a padecer en semanas anteriores, onde as citas que se ofrecían eran a tres semanas vista.