Increméntanse nun 3,6% os importes das paralizacións e danos no transporte de mercadorías para 2023
Por mor da revalorización nun 3,6% do índice IPREM, increméntase o importe reclamable por paralización ata os 40,00€/hora e o límite máximo de responsabilidade do transportista ata os 6,66 €/kg bruto transportado.
Na Lei de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2023, aprobados mediante a Lei 31/2022 de 23 de decembro, actualízase a contía do índice IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples). Como é sabido, o IPREM utilízase como referencia para diferentes conceptos económicos en transporte por estrada.
En concreto revalorízase este ano un 3,6% con respecto á última actualización en 2022, quedando fixada a contía do IPREM/día en 20,00 euros, magnitude que se utiliza de referencia para o cálculo da indemnización por paralización do vehículo, así como dos danos en transporte de mercadorías.
En consecuencia, dende o 1 de xaneiro deste ano quedan establecidos como novos importes os seguintes, se non se pacta expresamente outro importe de responsabilidade entre cargador e porteador, tal como regula a Lei 15/2009 do Contrato do Transporte Terrestre.
- 1º DÍA DE PARALIZACIÓN: 40,00 €/hora (excluída a 1ª hora inicial) e nun máximo 400,00 €/día (equivalente a 10 horas de paralización).
- A PARTIR DO 2º DÍA DE PARALIZACIÓN, increméntanse as paralizacións iniciaiccccccs nun 25%: 50,00 €/hora e máximo 500,00 €/día.
- A PARTIR DO 3º DÍA E SUCESIVOS, increméntanse as paralizacións iniciais nun 50%: 60,00 €/hora e máximo 600,00 €/día.
O límite máximo polo que responde o transportista, que se establece en 1/3 do IPREM, queda fixado en 6,66 €/kg bruto transportado.