Inminente fin de validez das declaracións de desprazamento de condutores que realizan transporte internacional feitas logo da entrada en vigor en febreiro da norma europea harmonizada
O pasado 2 de febreiro entrou en vigor na Unión Europea o marco normativo común regulado pola Directiva 1057/2020, que establece a obrigatoriedade de presentar unha declaración de desprazamento ás autoridades competentes da UE para os condutores/as profesionais que realicen transporte internacional por estrada, derrogándose deste xeito todas as normas anteriores establecidas por determinados Estados membros, relativas á comunicación do desprazamento dos condutores/as que realizan transporte internacional.
En síntese, esta nova norma establece a obrigatoriedade de comunicar os desprazamentos que un condutor/a profesional realice, para os servizos de transporte de cabotaxe e mais de transporte internacional por estrada non bilaterais (nota: entenderase por “non bilateral”, aquel transporte que se realiza entre dous países distintos, non sendo ningún dos dous o país de residencia da empresa de transporte). Fican excluídos de teren que facer esta comunicación os condutores autónomos.
Ademais, coa entrada en vigor desta nova norma creouse procedemento único e común para todos os países para a comunicación do desprazamento internacional, a través dunha plataforma web creada ao efecto: https://www.postingdeclaration.eu/landing
Estas declaracións de desprazamento teñen unha duración/validez máxima de 6 meses, debendo por tanto renovarse ao remate do seu período de vixencia, a través desa mesama plataforma web. En consecuencia, as declaracións feitas en febreiro do presente ano vencerán agora en agosto.
———————————————————————-
➔ Datos necesarios para a declaración de desprazamento
- Datos da empresa: Nome, CIF, Nº IVE internacional, domicilio da empresa e datos do xestor de transporte.
- Datos do condutor/a: Nome e DNI (con data de expedición e caducidade), data de nacemento, nº de permiso de circulación, domicilio e datos de contacto (correo electrónico).
- Países nos que se realiza o traballo e tipo de operación: carga, descarga e/ou operacións de cabotaxe.
- Datas nas que se realizarán os desprazamentos.
- Matrícula da cabeza tractora do camión que conduce cada condutor/a: pódense asignar varias matrículas a cada condutor/a, no caso de que poidan cambiar de vehículo ao longo dos 6 meses de duración da declaración de desprazamento.