Mantéñense para 2023 as contías e límites para os módulos
No BOE de 1 de decembro publicouse a Orde do Ministerio de Facenda HFP/1172/2022, de 29 de novembro, pola que se desenvolven para o ano 2023 o método de estimación obxectiva do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) e o réxime especial simplificado do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE), coñecido coloquialmente como réxime de módulos. Pódese consultar a Orde na seguinte ligazón: https://www.boe.es/boe/dias/2022/12/01/pdfs/BOE-A-2022-20025.pdf
En relación co IRPF, mantéñense para o exercicio 2023 a contía dos signos, índices ou módulos deste ano 2022, así como as instrucións de aplicación.
O proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2023, actualmente en tramitación unha vez aprobado polo Congreso e previsiblemente polo Senado en próximas semanas, inclúe a prórroga do límite actual de facturación para seguir acollido a este réxime de módulos para o 2023, isto é, 250.000 € de volume de ingresos anuais no ano inmediato anterior cando a facturación se realiza a particulares ou 125.000 € se a facturación se realiza en máis dun 50% a empresarios ou profesionais (como é o caso dos transportistas de mercadorías).
Ademais, para seguir acollido a módulos non se pode superar o número de vehículos no ano inmediato anterior, que se aplican aos autónomos que realicen as seguintes actividades relacionadas co TRANSPORTE DE MERCADORÍAS POR ESTRADA, do seguinte modo:
- I.A.E. 722 “Transporte de mercadorías por estrada”. Límite para quedar excluído da aplicación do réxime de módulos: dispor de 4 vehículos calquera día do ano.
- I.A.E. 757 “Servizo de mudanzas”. Límite para quedar excluído da aplicación do réxime de módulos: dispor de 4 vehículos calquera día do ano.
- I.A.E. 849.5 “Transporte de mensaxería e recadería. Límite para quedar excluído da aplicación do réxime de módulos: dispor de 5 vehículos calquera día do ano.
Así mesmo, para este ano 2022 contémplase unha redución no rendemento neto excepcionalmente do 15% que se aplicará no pagamento fraccionado do 4º trimestre, e para 2023 do 10%, que aínda podería modificarse a final do vindeiro ano.
A Orde establece o prazo ata o 31 de decembro de 2022 para que os contribuíntes que desexen renunciar ao réxime de módulos ou ao réxime simplificado de IVE, ou revogar a súa renuncia para o ano 2023.