O Goberno mobiliza 50 M € máis para axudas ao achatarramento e vehículos eléctricos co obxecto de atender solicitudes presentadas ata 30 de abril
- Os transportistas interesados en acceder a novas axudas para achatarramento deberán agardar ata ben entrado o ano 2025, no mellor dos casos.
O Goberno aprobou en Consello de Ministros a ampliación dos fondos para a transformación sustentable das frotas de transporte en 50 millóns de euros, que proceden do orzamento do Ministerio de Transportes, e que se suman aos 400 millóns iniciais do plan, procedentes dos fondos europeos Next Generation. Esta ampliación ten o obxectivo de cubrir solicitudes de axudas presentadas antes de 30 de abril de 2024 (data de finalización de prazo de solicitudes) e que non foron atendidas ata agora por falta de fondos.
Segundo os datos do Ministerio de Transportes, o programa de transformación de frotas do Plan de Recuperación (posible grazas aos fondos Next Generation) recibiu en todo o Estado 12.000 solicitudes que ascenden a un total de 627 millóns de euros, é dicir, máis dun 56% do orzamento inicialmente previsto (400 millóns). Certo é que case o 100% dos fondos solicitados foron para a liña de achatarramento (326,6 millóns) e para adquirir vehículos pesados propulsados por enerxías limpas como a eléctrica, o hidróxeno ou o gas natural (291 millóns).
Como é sabido, estas axudas destinadas a empresas privadas de transporte de mercadorías e viaxeiros e empresas de transporte privado complementario, son xestionadas desde as Comunidades Autónomas, e corresponde a estas solicitar ao Ministerio a transferencia da parte que lles corresponde a cada unha da ampliación, para poder atender ás solicitudes que teñen pendentes realizadas antes de 30 de abril, e que non puideron ser atendidas ata agora por falta de fondos.
Novas solicitudes para achatarramento deberán agardar a 2025
Estes 50 millóns de euros adicionais destinaranse a cubrir solicitudes presentadas ata 30 de abril do presente ano, por tanto, non para atender novas solicitudes.
É posible que o Ministerio aprobe unha nova convocatoria de axudas para o achatarramento en 2025, condicionada á aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado para o vindeiro ano. Polo tanto. as novas solicitudes terán que esperar a ben avanzado o ano 2025, no mellor dos casos.