Como é norma cada ano, os transportistas beneficiarios do gasóleo profesional teñen a obriga de declarar os quilómetros anuais dos vehículos con data límite o 31 de marzo
- A tal efecto, previamente hai que estar dado de alta no Censo do Gasóleo Profesional da Axencia Tributaria e manter actualizada en todo momento a relación de vehículos da empresa de MMA superior a 7,5 Tn.
- Suprimida a bonificación extraordinaria aprobada polo Goberno en 2023, o importe a devolver en 2024 volverá a ser de 4,9 céntimos de euro en litro.
- Empresas e cooperativas titulares de depósitos de gasóleo de consumo propio deben comunicar mensualmente, na primeira semana do mes, os litros consumidos.
Como cada ano, os transportistas dados de alta no Censo de Beneficiarios do Gasóleo Profesional da Axencia Tributaria (AEAT) teñen a obriga de formalizar antes do 31 de marzo a declaración anual de quilómetros recorridos no ano anterior polos vehículos rexistrados no Censo beneficiarios da devolución do gasóleo profesional durante o ano 2023, devolución que agora ten carácter mensual (antes trimestral). Hai que recordar que a cantidade a devolver (4,9 céntimos en litro para 2024) é a resultante da diferenza impositiva do gasóleo de particulares co gasóleo profesional para o transporte.
Como é sabido, a norma comunitaria do gasóleo profesional establece que a devolución está limitada en vehículos destinados ao transporte de mercadorías a aqueles cuxa masa máxima autorizada supere as 7,5 toneladas e a un máximo de 50.000 litros/ano por vehículo.
Así mesmo, a empresa debe estar dada de alta no Censo da AEAT, manter sempre actualizada a relación de matrículas da empresa e suministrar o carburante en estacións de servizo a través de tarxetas de carburante válidas para gasóleo profesional, ou ben mediante unha unidade de subministro propio debidamente legalizada e informatizada que permita a comunicación de litros por vehículo á AEAT.
⇒ Comunicación mensual de consumos á AEAT dos depósitos de uso propio
A Orde HFP/941/2022, de 3 de outubro, modificou o procedemento de devolución do gasóleo profesional, acordándose que a devolución pola AEAT se fixera mensualmente no canto de trimestralmente, tal como se viña facendo desde sempre.
Como consecuencia desta redución do prazo, no caso de empresas de transporte e cooperativas que teñan depósitos propios de autoconsumo están obrigadas a comunicar mensualmente os litros á Axencia Tributaria, non cada de 3 meses como se facía antes, en concreto no prazo dunha semana desde o remate de cada mes, tal como recolle expresamente a citada Orde.